A vergoñenta misión do goberno municipal coa Hepatite C.

A vergoñenta misión do goberno municipal coa Hepatite C.

O debate da moción da Plataforma de Afectad@s pola Hepatite C, converteuse nun dos episodios máis vergoñentos do goberno de Javier Bas. A presentación dunha moción “alternativa” obedeceu unicamente á estratexia electoralista do Partido Popular.

A moción presentada no mes de xaneiro, froito dos acordos coa Plataforma Galega de Hepatite C, poñía o acento en que goberno do Estado e Galego, atenderan ás necesidades de doentes poñendo os recursos para tal fin. Tamén se pedía, a instancias da Plataforma, que os tratamentos se dispensaran nas farmacias hospitalarias.

Os novos tratamentos, abriron novas expectativas a doentes e familiares. Mais o desinterese, tanto do goberno de Rajoy como do de Feijóo, levaron a que se constituíran diversas Plataformas para acadar o obxectivo dunha atención sanitaria pública de calidade.

Ante un ano marcado por distintos procesos electorais, o Partido Popular, prantexa a súa estratexia, como auténtico batelumes. Con tal motivo, presenta unha moción alternativa, co único fin de desviar a atención sobre a súa verdadeira responsabilidade.

Os últimos dados coñecidos, recoñecen que a farmacéutica que posúe o monopolio do tratamento con sofosbuvir (tratamento que combinado con outros fármacos, sitúa a taxa de curación en máis dun 90%), comprouno por 11.000 millóns de dólares, namentres que os seus beneficios nun só ano superou os 120.000 millóns. No estado español, barallábase que o tratamento por doente, podería roldar os 60.000€.

Despois de máis dun ano na rúa loitando para que foran os criterios médicos, e non os meramente económicos, os que primaran á hora de autorizar a administración dos tratamentos, o Partido Popular, non ve outra saída que recuar na súa postura inicial. Durante o debate no Pleno do Concello de Redondela, quedou patente como xoga o PP coa saúde dos e das cidadáns. O concelleiro nacionalista, Xoán Carlos González considerou como “auténtica vergoña e mesmo ofensivo, que o goberno de Javier Bas, presentara a última hora unha proposta para lavar a cara”.

O PP de Redondela seguiu escrupulosamente o guión prefixado. Presentar, poucos días antes do Pleno, unha moción tipo, sen ningún acordo coa Plataforma. Aceitar, como mal menor, a proposta neste caso presentada polo PSOE. Defender a ultranza que se aprobara a súa moción, que non comprometía a nada: “Instar ao ministerio a que os novos medicamentos sexan incluídos no catálogo de medicamentos, a un prezo razoábel”; “Elaboración dun cadro de rexistro de doentes”; “Que primaran os criterios profesionais á hora de administrar tratamentos (non falaba nada de eliminar a subcomisión de estudio); Vaga referencia a que “se garanta o acceso de doentes aos tratamentos” (isto xa sucede así, unicamente cos máis graves).

Xoán Carlos González, fixo un repaso ao vergoñento papel do Partido Popular galego, quen ademais de rexeitar xuntarse coa Plataforma, votou en contra no Parlamento Galego da mesma moción aprobada en Pleno do Concello de Redondela. Incidiu, en que representantes do colectivo afectado, foran desaloxados da sé parlamentaria.

Fixo referencia o concelleiro nacionalista, á necesidade de que o sistema público galego, debe asegurar o acceso das persoas doentes aos tratamentos que garantan a súa saúde, e melloren a calidade de vida. Fixo súas as palabras da voceira da Plataforma Galega de Afectad@s pola Hepatite C ao afirmar que “ poderiamos pensar que son uns incompetentes, mais é por unha cuestión ideolóxica pois está vencellado ao modelo sanitario que defenden, á privatización do servizo e a limitación no acceso aos tratamentos”.

A minoría do goberno de Javier Bas, permitiu que se puxera punto final, a un capítulo vergoñento. Coa unión das forzas da oposición, Redondela súmase a aqueles concellos que unicamente defenden os acordos da Plataforma en  prol de afectados e afectadas pola Hepatite C.

Cecília Pérez e Xoan Carlos González

A vergoñenta misión do goberno municipal coa Hepatite C.