Xoán Carlos González anuncia en Chapela “inversións contando coa veciñanza”.
“Prolongar a senda verde, novo edificio sociocomunitario, humanizar espazos urbanos e xestionar a escola infantil cun goberno ben coordinado”, compromisos do BNG
15 maio 2023 - 18:54
Acto Público o celebrado no Multiúsos de Chapela polo Bloque Nacionalista Galego, cun auditorio que seguíu con grande expectación a intervención de membros da candidatura nacionalista. Gabriela Álvarez, Iria Custodio e Jéssica García presentaron aspectos básicos dun novo goberno para Redondela.
No encontro intervíu tamén o deputado no Congreso, Néstor Rego, destacando a necesidade de darlle un novo rumbo á política municipal. “Cómpre incorporar Redondela aos concellos gobernados polo BNG porque sabemos desenvolver políticas pensadas para as persoas”, destacou. Puxo en valor o traballo realizado no Congreso, a traverso de iniciativas presentadas por Redondela, como as alegacións ás obras de reposición ou pantallas acústicas da Autoestrada. Tamén iniciativas vinculadas a Aucosa, tren de Proximidade, “presentando máis iniciativas relacionadas con este concello que outros que só pensaron no seu protagonismo en Madrid”.
Na intervención final, o candidato á alcaldía Xoán Carlos González sinalou que Redondela non pode estar pendente todos os días dos problemas que existen no seo do goberno, en clara alusión aos gobernos de Digna Rivas. “Dende a alcaldía construirei un novo goberno cohesionado, coordinado, que planifique a súa actividade contando coa veciñanza”.
Plantexou a necesidade de iniciar “un tempo novo” no concello tendo como prioridade o servizo público, o interese colectivo. “Imos dar o mellor de nós mesmos por e para Redondela”, insistiu.
Sinalou a difícil situación na que se atopa Chapela, pola súa dificultade orográfica cruzada por numerosas infraestructuras. “Imos reverter as dificultades en oportunidades, dotando á parroquia de novos espazos humanizados, para que a xente poida dispoñer de entornos seguros de esparcemento e convivencia”.
Sinalou a obriga de seguir traballando para ampliar a Senda Verde no vindeiro mandato, “como un elemento vertebrador da parroquia”. Tamén sinalou a necesidade de canalizar o tráfico rodado liberalizando a Autoestrada, “reducindo o tráfico rodado da avenida de de Vigo e a de Redondela, co obxectivo de converterlos en espazos máis seguros”. Salientou a necesidade de recuperar o entorno de Arealonga como un dos pulmóns da parroquia. “Demos xa o primeiro paso ao rexeitar no pleno unha urbanización que pechaba a praia, e os tribunais déronlle a razón aos veciños e veciñas que tiveron que denunciar”, afirmou.
Noutro momento da súa intervención Xoán Carlos González lanzou a necesidade de traballar para a construcción dunha Escola Infantil de 0 a 3 anos. “Malia que o PP sempre rexeita a iniciativa do BNG por esta infraestructura educativa, imos conseguila”, sentenciou.
Tamén destacou a necesidade de dar resposta a unha demanda de colectivos e asociacións que desenvolven a súa actividade na parroquia, como a construcción dun novo centro sociocomunitario. “Este novo edificio permitirá a reubicación de espazos no Multiúsos de Chapela, mellorando as condicións da biblioteca”, afirmou Xoán Carlos González.
Finalmente o candidato do BNG emprazou aos e ás asistentes “a participar co voso voto dun novo xeito de facer política en Redondela, onde os veciños e veciñas sexan os verdadeiros protagonistas”