Xoán Carlos González considera que o PP “castiga a xente moza”, ao rexeitar o bacharelato de artes.
Cualifica de “submisión humillante” o silencio dos populares locais
24 maio 2021 - 10:18
O BNG, vén de valorar a decisión e posteriores declaracións de membros do PP, xustificando o rexeitamento á creación do bacharelato de artes. A proposta defendida polo deputado autonómico nacionalista, Manuel Lourenzo, non prosperou malia o consenso da comunidade educativa.
Segundo palabras do voceiro municipal, Xoán Carlos González, “Redondela cumpre todos os requisitos exixíbeis, infraestruturas e tradición histórica arredor da actividade cultural.
Sae ao paso das declaracións da deputada do Partido Popular, Felisa Rodríguez, “quen evidencia un descoñecemento absoluto de que poucos concellos como o noso gozan dunha ampla actividade e formación cultural”.
Festivais de artes escénicas como os Títeres, Artistas de Rúa, Curtametraxes, Festivais como Millo Verde, Lúa Meiga, orquestra de saxos, grupos de teatro, corais, danza, grupos de música tradicional e moderna, escolas de música e conservatorio, son só algúns exemplos da vizosa actividade local, abertos e participativos, sinala o edil.
“Negar a posibilidade de creación dun bacharelato de artes, é pechar as portas a que a mocidade de Redondela e da bisbarra, poidan desenvolver a súa vocación e habilidades artísticas”, afirma.
Desminte as afirmacións verquidas dende o PP, pois si que existe unha importante demanda da xente moza de desenvolver as súas capacidades artísticas. Considera que en canto se dote Redondela do bacharelato de artes, a matrícula aumentará expoñencialmente.
Quere poñer en valor, o edil do BNG, o altamente motivado que está este alumnado, que se implica ao cento por cento en desenvolver as súas capacidades creativas. “Por decisións coma estas, obrígaselles a cursar estudos dun xeito forzado, o que leva ao desencanto e fracaso escolar”, engade.
Recorda, o voceiro nacionalista, que a proposta de rehabilitación das antigas vivendas escolares da Marisma soament se refire a unha parte, deixando aberta a posibilidade de que se instale outra actividade de interese público, como sería o caso do bacharelato.
Sinala Xoán Carlos González o bochornoso silencio cómplice do Partido Popular local, que en ningún momento moveu un papel para recoller as demandas dunha parte da comunidade educativa, e moito menos da mocidade.
“Pola parte que nos toca, dende o Bloque Nacionalista Galego imos seguir traballando nos vindeiros meses para que o bacharelato de artes sexa unha realidade en Redondela nos próximos cursos”, remata na súa nota o edil nacionalista.