Xoán Carlos González, participa nun encontro coa Plataforma en Defensa da Sanidade Pública.
A inexistencia dun plan de transporte que permita a comunicación co novo Hospital de Vigo, xunto aos recortes de persoal, algunhas das problemáticas que centraron a xuntanza.
Prantexouse a necesidade de crear e concienciar á veciñanza, cara a unha grande mobilización en setembro.
O recente inicio do traslado dos servizos de atención sanitaria do Hospital Xeral, ao novo Hospital de Vigo, volven a poñer enriba da mesa a situación da sanidade pública. Nunha xuntanza convocada pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública, con concelleir@s e alcaldes/as da área sanitaria de Vigo, acordouse poñer en marcha diversas iniciativas nos diferentes concellos.
O concelleiro do BNG de Redondela, Xoán Carlos González, participou desta xuntanza. Dende Redondela, detectamos que a comunicación por transporte público cos hospitais de Vigo, é practicamente inexistente. No caso do Novo Hospital, non existe ningún tipo de plan para solventar esta eiva, afirmou o concelleiro nacionalista.
Considera Xoán Carlos González, que estamos asistindo a un auténtico experimento de xestión privada, que o goberno de Feijóo, vai a tratar de exportar ao resto do País. Trataríase de aplicar as teses da máxima rendibilidade económica, da xestión dun recurso de carácter público como o do Hospital. Prímase o lucro, sobre a saúde.
Ao longo da xuntanza, fíxose fincapé, en que un dos negocios máis suculentos das diversas empresas que xestionarán o Hospital constitúeo o aparcadoiro. Ao non existir conexión vía transporte público, todo o mundo vai ter que empregar o vehículo particular. Mesmo os propios traballadores e traballadoras, van ter que facer fronte a un abono para poder estacionar o seu coche.
Salientouse, o recorte tanto de camas como de persoal que se vai efectuar no Hospital de Vigo. Por desgraza, imos ser testemuñas da xa recorrida frase de que Os Recortes Tamén Matan. Está máis que demostrado, que a redución das ratios de persoal, inciden nunha maior mortandade de doentes, afirmou Manuel González Moreira.
Nesta xuntanza, emprazouse a todos os grupos políticos, a desenvolver actuacións conxuntas, que rematen nunha grande mobilización no mes de setembro.
Segundo expresou Xoán Carlos González, temos que defender os servizos sanitarios universais. O BNG, vai poñer toda a súa capacidade de traballo para concienciar ao conxunto da veciñanza redondelá, para que se defenda un dereito básico como o da atención sanitaria de calidade. Imos traballar co obxectivo de que Redondela, sexa bandeira nestas mobilizacións.