Xoán Carlos González: “Na reposición da AP9 quedan propostas do BNG sen atender”.
Melloras en Río Frío, nova pasarela accesible no camiño Igrexa ou un novo carril de aceleración de acceso a Autoestrada, entre as propostas nacionalistas rexeitadas
16 out. 2023 - 09:27
Novo anuncio de inicio das obras de reposición dos viais afectados pola ampliación da AP-9 en Chapela e Trasmañó. Cinco anos despois, dende o BNG, agardan que sexa o definitivo co fin de que as infraestruturas públicas afectadas poidan ser empregadas pola veciñanza.
Pola súa banda o voceiro nacionalista, Xoán Carlos González Campo recorda que “fomos a única forza política de Redondela que presentamos alegacións a este proxecto, en defensa dos intereses do concello”. Relata que en agosto do ano 2020 fixeron un traballo de campo para poder alegar en tempo e forma.
Asegura que moitas cuestións coinciden coas presentadas polo concello e colectivos da parroquia, como as melloras nos camiños de Igrexa, Penisal e Mouriño ou reubicación de elementos patrimoniais como os lavadoiros afectados.
Pola contra, polas informacións verquidas, non se toca a zona de Río Frío que foi afectada polas obras da Autoestrada. “Plantexamos unha nova pasarela peonil en Igrexa, que cumpla a lei de accesibilidade, das que non se nos dá resposta”. Sinala igualmente a ampliación do carril de acceso á autoestrada, que debe ser máis longo e cómodo, para non por en risco a seguridade viaria, que tampouco se vai solventar.
Finalmente dende o BNG comprometen a facer un seguemento exhaustivo das obras, para que se cumpra o prego gañado pola empresa adxudicataria. Igualmente non renuncian a seguir traballando para que as alegacións que non se tiveron en conta, sexan asumidas tanto polo ministerio como por AUDASA.