O BNG de Redondela denuncia a presenza no Concello, de persoas vinculadas ao Partido Popular

O BNG de Redondela denuncia a presenza no Concello, de persoas vinculadas ao Partido Popular

Trátase dun intento do PP, de poñer o Concello ao seu servizo.

O Bloque Nacionalista Galego vén de denunciar a presenza constante e permanente de persoas alleas ao equipo de goberno e vinculadas ao Partido Popular, nas inmediacións da alcaldía.

Persoas alleas ao organigrama de goberno teñen unha presenza constante e permanente nas inmediacións da alcaldía; desde o Bloque Nacionalista Galego consideramos que se trata dun uso antidemocrático das institucións que deben representar a todos os veciños e veciñas. Estas persoas non teñen ningún tipo de relación co goberno municipal, polo que a súa presenza no concello obedece unicamente ao intento dun uso caciquil e partidista da administración municipal.

Presenza permanente nos Plenos.

Dende os inicios do mandato, hai máis de dous anos, mantense a presenza constante de persoas vinculadas ao PP nas inmediacións da alcaldía entrando e saíndo da mesma e accedendo ao local de Plenos cando se están a celebrar os mesmos.

A situación considerada máis grave por parte da nosa organización tivo lugar no pasado mes de xuño. No Pleno de moción de confianza, un grupo de persoas vinculadas ao PP xa estaban comodamente sentados no Salón de Plenos cando o resto de veciños e veciñas agardaban pacientemente a que se lles abrisen as portas do Concello. Esta situación xa foi denunciada naquel Pleno pola voceira nacionalista, Cecilia Pérez.

Inauguración da piscina de Chapela.

O exconcelleiro Alberto Pazos mantén unha presenza constante nas inmediacións da alcaldía a pesar de ter abandonado o goberno municipal hai varios meses. Este membro do Partido Popular xa non desempeña ningún tipo de función no concello.

Para o BNG, a situación máis grave tivo lugar durante a inauguración da piscina de Chapela. Mentres os concelleir@s da oposición se integraron entre os veciños e veciñas que acudiron a esta cita, este militante do PP mantívose ocupando o lugar que unicamente lle correspondería aos membros do goberno local.

 Esixencia nacionalista.

En todo caso, esta situación xunto ao pago de facturas con cartos públicos para organizar actos do PP, son consideradas polo Bloque Nacionalista Galego como un intento de tomar a institución municipal obedecendo a intereses partidistas.

Dende o BNG, esiximos a Javier Bas, como alcalde e presidente do PP local, que acabe con estas prácticas antidemocráticas e caciquís. Imos continuar controlando e denunciando situacións que supoñan un deterioro da institución municipal, como administración máis achegada aos redondeláns.

Castelao en Redondela

O BNG de Redondela denuncia a presenza no Concello, de persoas vinculadas ao Partido Popular