Moción de BNG sobre a rehabilitación do viaducto a Pontevedra
Nas últimas semanas o Administrador de Infraestructuras Ferroviarias (ADIF), acometeu o inicio do Proxecto de Rehabilitación do Viaducto a Pontevedra ou “Viaducto dos Carballos”. Dito Proxecto vai supor o reforzamento da estructura nos arros de aproximación, estribos e pilas; actuacións relacionadas cos aparatos de apoio; actuacións na estructura metálica, e obras relativas á vía. O orzamento total ascende a dous millóns, cincocentos mil euros.
Xoán Carlos González esixe a limpeza de parcelas nos arredores do casco urbán de Redondela.
Sinala un solar abandoado na zoa de San Xoán de Arcal, e A Telleira, “como espazos potenciais de incendios”. Acusa ao goberno de Javier Bas, de absentismo nas súas responsabilidades.
“Javier Bas volveu a montar un novo circo, na presentación do Plan Móvese”.
Malia elixir Redondela como concello anfitrión na presentación das inversións da área de Mobilidade da Deputación, o alcalde non asiste. Si o fixeron os de Soutomaior, Pazos de Borbén e Fornelos de Montes.
O goberno de Javier Bas dalle as costas aos afectados pola suba do IBI.
“Consideran como infractores aos afectados, malia que grazas a eles van aumentar os ingresos para o Concello”, afirma X. Carlos González
O Partido Popular rexeitou apoiar que temporalmente se instrúa e reordene ao persoal municipal, coa finalidade de asesorar tanto en Redondela como en Chapela aos afectad@s sobre a regularización catastral, imposta polo Ministerio de Facenda. A iniciativa presentada polo BNG e apoiada polo resto de forzas da oposición, “vai ser difícilmente aplicábel, posto que o goberno de Javier Bas, votou en contra”, afirma o concelleiro nacionalista Xoán Carlos González. O goberno municipal deixa en mans da empresa encargada da recadación municipal, a información que se preste.
A regularización catastral vai afectar principalmente ás vivendas do rural, que terán que tributar por galpóns, churrasqueiras, pendellos, casetas de can,... Non estamos en contra de que se legalicen, máis si de que tributen como habitábeis. De feito, moitas destas construccións non entrarían na actualización do IBI, “mais o goberno do Estado, confía en que os afectados e afectadas non reclamen, para poder subirlles o recibo”.
“Consideramos vergoñenta a actitude do goberno de Javier Bas, que por medio da súa voceira Mari Carmen Amoedo, cargou sobre os veciños e veciñas afectados, como irresponsábeis e insolidarios. Despois farán gala da súa boa xestión, grazas á suba nestes recibos do IBI no rural” afirma Xoán Carlos González.
Cuestiona a solución dada pola concelleira do PP cos veciños e veciñas de Chapela e Trasmañó, “ofrecéndolles a posibilidade de empregar a tarxeta metropolitana para ir ata Redondela, a que os asesoren. Unha mostra da chulería e prepotencia coa que actúa este goberno”, conclúe.
“Trátase dun feito insólito que o goberno municipal, principal beneficiario, culpabilice a veciños e veciñas que van ter que pagar uns recibos moi elevados do IBI, con carácter retroactivo, por construccións que únicamente son complementarias ás vivendas”, remata na súa nota o concelleiro nacionalista.
O BNG demanda que se informe sobre a construcción dun novo aparcadoiro en Reboreda.
No Boletín Oficial da Provincia, publicouse anuncio de Augas de Galiza, sobre solicitude de construción de aparcadoiro do supermercado situado na parroquia de Reboreda. Ábrese proceso de exposición pública para que se poida estudar, e mesmo se presenten alegacións ao mesmo.
A traveso do seu concelleiro, Xoán Carlos González, o BNG estudou o expediente, que recolle a construción dun aparcadoiro, nunha parcela colindante ao propio supermercado. Na actuación prevista, sobre unha superficie de arredor de 2.200 m2, preténdese ubicar unhas 70 prazas de aparcadoiro.
Segundo o concelleiro do BNG “un dos problemas que se prantexa, reside na cercanía desta actuación ao río Alvedosa, a menos de 50 m. O proxecto leva aparellado un balado duns 6m. de altura, co que o seu impacto, visual nun entorno recuperado para a veciñanza, vai ser de relevancia”.
Outra das circunstancias que se pretende que aclaren segundo manifesta Xoán Carlos González, consiste “nunha posíbel construción dun vial co que o impacto no entorno, vai ter maior repercusión”, afirma.
Critica o concelleiro nacionalista que “por segunda vez en poucas semanas, o primeiro fora a ampliación da senda polo río Alvedosa, unha actuación de envergadura que afecta a Reboreda é silenciada polo goberno de Javier Bas, co que nada de transparenza; opacidade e silenciamento”.
“Exiximos que o Concello manteña puntualmente informados aos diferentes colectivos parroquiais sobre este Proxecto de Aparcadoiro, ben remitíndolles o propio Proxecto, ou unha convocatoria extraordinaria do Consello Parroquial”. Considera que o goberno de Javier Bas pretende converter os Consellos Parroquiais en meros instrumentos informativos, “dende o BNG pretendemos recuperar o protagonismo das entidades sociais parroquiais, coñecendo a súa valoración e opinión en actuacións de calado, como esta que se propón para Reboreda”, remata na súa nota o concelleiro nacionalista.
O goberno de Javier Bas, “botado ao monte”.
Nas últimas semanas o Partido Popular de Redondela, sacouse a careta, e deixou ver a súa verdadeira faciana. Nada de velar polos intereses dos e das redondeláns. Nada de poñer o debate e o diálogo enriba da mesa, como instrumento para a posta en común e a mellora das condicións para veciños e veciñas. Nada de permitir debates e diálogos “participativos”.
No 25 de novembro, data destacada no calendario anual en contra da violencia de xénero, no canto de participar nos actos reivindicativos ante as portas do Concello, a concelleira de servizos sociais e urbanismo, Mari Carmen Amoedo, acompañado do concelleiro de deportes, Julio Alonso formaron parte da comitiva que o PP despregou na sé da Deputación de Pontevedra. Tratouse dun acto partidista para presionar ao goberno provincial, unicamente para beneficio dos seus gobernos. Existen, pois, outras prioridades para membros do goberno municipal: primeiro o partido, despois o servizo público.
O día 1 de decembro, debe ser remarcado na historia do Partido Popular de Redondela. Amosando un servilismo de difícil parangón, escenificaron na Asemblea Constituínte da Área Metropolitana o seu interese por instrumentalizar este ente, novamente en beneficio partidista.
Javier Bas, converteuse no “cabecilla” do abandono por parte dos representantes do Partido Popular desta Asemblea Constituínte. O alcalde de Redondela comprometérase en xunta de voceir@s en participar da Asemblea, e defender os intereses do noso concello. Amosando a súa faciana máis servil, humillou publicamente o cargo que representa. Volveu a prevalecer o interese por medrar dentro do partido, sobre os intereses colectivos.
Ese mesmo día, celebrouse o Pleno da Corporación. Ás once e cuarto da noite, tocaba o debate da moción presentada polo BNG sobre o catastrazo, e a demanda de formar a persoal do concello para asesorar á veciñanza. Dun xeito totalmente caprichoso, e autoritario, o alcalde de Redondela decidiu que non se ía debater.
Amosou, unha vez máis, que non lle vai permitir ao BNG expresar as demandas veciñais, máis que o legalmente exixíbel. Nada de diálogo, nin participación aberta. Ata agora, todo isto ten sido empregado para escenificar unha versión democrática, unicamente polo interese de gobernar.
O Bloque Nacionalista Galego, converteuse no verdadeiro inimigo e opositor do goberno de Javier Bas, quen vai poñer todos os medios ao seu alcance para tentar acalar á nosa organización.
Pola súa banda o concelleiro nacionalista, Xoán Carlos González afirmou que “non imos asistir ás xuntas de voceiros, que non sexan estritamente necesarias. Deixaremos de participar quincenalmente a unhas xuntanzas que a maior parte das veces non levan a ningún lado. Non lle imos facer o xogo ao goberno, querendo aparentar normalidade democrática, e en canto pode aplicar o rodo”.
Xoán Carlos González, en contra da convocatoria do Pleno da adxudicación da limpeza de edificios municipais.
O concelleiro do BNG, denunciou que a convocatoria pola premura, e por realizarse ás dúas da tarde, impediu a participación veciñal. Apostou por unha convocatoria ordinaria, tal como recolle o regulamento orgánico do concello.
Un dos puntos que recollía a convocatoria plenaria do mércores 9 de novembro, era á da ratificación da urxencia do Pleno. Xoán Carlos González, converteuse no único concelleiro dos alí presentes, que votou en contra do formato de convocatoria. Argumentou que pola envergadura do contrato, algo máis de catro millón de euros, e pola trascendencia do mesmo, debería realizarse un Pleno ordinario e ás oito da tarde.
Aludiu, na súa intervención, ao artigo número 17 do ROC, que recolle que no mesmo mes pódense prantexar máis dun pleno ordinario. “Deste xeito permitiríase a asistencia de veciños e veciñas, a unha hora máis aceptábel”.
“Trátase dun novo exemplo da nocturnidade e alevosía coa que actúa este goberno municipal. Aprobaron os soldos dos concelleiros e concelleiras, nun pleno á unha da tarde no mes de xullo do 2015; aprobaron os orzamentos do 2016, ás dez da noite, en xunta de goberno o 30 de decembro do ano 2015. Agora amosan a súa falla de transparencia, convocando este pleno ás dúas da tarde, de xeito urxente e extraordinario”, afirma o concelleiro nacionalista.
No posterior debate sobre a aprobación do contrato, o concelleiro do BNG, aludíu que a “xestión directa dende o goberno municipal, facilitaría unha xestión máis transparente, na que se consolidarían os postos de traballo, e que mesmo persoas con discapacidade puideran acceder ao traballo neste servizo”.
O BNG apoia as reivindicacións a prol dunha mobilidade sostíbel.
O concelleiro nacionalista, Xoán Carlos González, participa na concentración diante do Concello, xunto aos colectivos convocantes.
Na mañá do domingo, asociacións que traballan a prol do uso da bicicleta como medio de transporte nas cidades e vilas da nosa área, levaron a cabo unha marcha dende Pontevedra a Vigo. A iniciativa contou con diversas paradas de carácter simbólico, para chamar a atención da cidadanía, e de poderes locais, para o fomento e uso da bicicleta.
Xoán Carlos González, animou a membros da Asociación A Golpe de Pedal, Asociación Pedaladas, a manter a súa liña de traballo e concienciación. Manifestou o apoio da organización local do BNG, das reivindicacións polos espazos urbanos máis humanizados onde a bicicleta lle gañe espazo ao vehículo particular, ofrecéndose a manter encontros no futuro con ditas asociacións. A mobilización contou co apoio da AA.VV de Chapela.
Informoulles aos alí concentrados, como por iniciativa do BNG, Redondela converteuse nun dos concellos pioneiros no fomento do uso da bicicleta, a traveso do servizo de alugueiro. Unha das primeiras medidas tomadas polo goberno de Javier Bas foi a de eliminar dito servizo.
Ao remate da concentración Xoán Carlos González afirmou que “por vez primeira o goberno municipal de Javier Bas é congruente cos seus principios. No seu momento eliminou o sistema de alugueiro de bicicletas. Agora non participa deste tipo de actos que apostan por unha mobilidade sostíbel,”.
Xoán Carlos González, “a baixada da plusvalía en Redondela, obedece a unha verdadeira necesidade social”.
A proposta común de todos os grupos da oposición de baixada da plusvalía, aprobada polo Pleno da Corporación de Redondela, foi valorada positivamente dende a organización nacionalista. O concelleiro, Xoán Carlos González, considera que “dáse resposta a unha demanda social, posto que o noso concello atopábase entre os máis elevados, no abono da plusvalía”.
Aplicando este imposto municipal, as arcas do Concello recibían máis de 500.000 euros anuais. “Deste xeito, o goberno de Javier Bas podía fachendear dunha boa xestión, grazas a uns ingresos desorbitados cargándoos sobre os veciños e veciñas”, apunta.
“Coa proposta aprobada cos votos a favor de PSOE, AER, BNG e concelleira non adscrita, e os votos en contra do PP, rebáixase á metade o tipo coa que se gravaba a compravenda de vivendas e fincas urbanizables” salienta o concelleiro nacionalista.
Destaca igualmente Xoán Carlos González o feito de que se aprobara a bonificación do 95% nas doazóns, entre as que se atopan as herdanzas. “Tratábase dun dos casos máis graves, por afrontar moitas persoas desembolsos de miles de euros, convertendo estas transmisións nunha lousa económica, máis que nun beneficio”. Coa aprobación da modificación da plusvalía vaise aliviar a carga impositiva respostando a unha demanda social, máxime tendo en conta a complexa situación económica pola que atravesan moitas familias.
Critica á súa vez á concelleira de urbanismo, Mari Carmen Amoedo, por pretender confundir á veciñanza. “Quen realmente fixo barra libre, foi o goberno do Partido Popular, ao eliminar o imposto de transmisións patrimoniais no caso das transmisións rústicas”.
Recorda o concelleiro nacionalista como “dende o ano 2011, o goberno municipal chegou a cobrar este imposto con efeito retroactivo de ata catro anos, co que moitos veciños e veciñas tiveron que facer fronte a cantidades desmesuradas por este conceito”. Eis baseábase a boa xestión do goberno municipal.
Xoán Carlos González remata na súa nota salientando “que atopámonos ante un claro exemplo de incapacidade de gobernar Redondela, por falta de proxecto, e incapacidade de xestionar, por facelo baseándose neste imposto”.