bng-redondela
UNKNOWN
Veciñas de Redondela e Cesantes xunto a Montse Prado e parte do CL do BNG de Redondela.

O BNG considera “humillante” para os redondeláns o convenio de apertura do Centro de Día de Cesantes.

“O Consorcio de Servizos Socias vai cobrar anualmente 2.500€ por usuari@ redondelán”.O silencio de Javier Bas, tras cinco anos agardando pola posta en marcha desta infraestrutura,  obedece unicamente a intereses partidistas

A inminente sinatura do convenio de colaboración entre o Concello de Redondela e o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, para a posta en marcha do Centro de Día de Cesantes, constitúe unha proposta “humillante”, segundo o concelleiro do BNG.

“No propio convenio o Concello está obrigado a aboar anualmente 2.500€ por cada usuari@ empadroado en Redondela. A proposta ao obrigar a facelo durante os vindeiros 10 anos, aumentando a cantidade co IPC. Segundo o número de usuari@s aos que se lles vai prestar servizo, 40, o Consorcio podería cargar ata 100.000€ anuais ás arcas do Concello”. Segundo o concelleiro nacionalista, “para ser un servizo que, segundo o goberno municipal non é demandado pola veciñanza, vainos saír moi caro a todos os e as redondeláns”.

Para Xoán Carlos González, a Consellaría de Servizos Sociais, de quen depende o Consorcio, debe prestar este servizo de carácter social aos nosos veciños e veciñas de máis 65 anos de Redondela e bisbarra. “Agardaron a que pasaran as eleccións galegas para presentar este convenio. Entendemos agora que se dilatara a posta en marcha do Centro de Día de Cesantes, cinco anos. A Xunta agardaba a aprobación de convenios como este que volven a cargar grande parte do mantemento, sobre os concellos, como neste caso de Redondela”, afirma.

Sinala o concelleiro nacionalista ao silencio cómplice do alcalde, Javier Bas, quen actuou en todo momento seguindo as directrices do Partido Popular, “nunca defendeu  aos veciños e veciñas de Redondela rebelándose contra o Consorcio”. Malia que houbo diversas mobilizacións sociais, e iniciativas no Parlamento Galego, o silencio sempre foi a resposta.

“Redondela puxo os terreos para a construción do edificio. Cumpriu a súa parte da responsabilidade. Agora preténdesenos cobrar 2.500 euros, por estar empadroado no noso concello. Descoñecemos que pasará coas restantes vinte prazas residencias, para as que o Centro de Día foi construído, cunha inversión de dous millóns de euros, e polo que levamos agardando case cinco anos”, recorda o concelleiro do BNG.

Finalmente, Xoán Carlos González considera que “se o resultado de agardar cinco anos, tradúcese neste convenio do Centro de Dia de Cesantes tan lesivo para os intereses do Concello de Redondela, o mellor é que Javier Bas se vaia para casa”.

Ler novas
UNKNOWN
Uxío Benítez xunto ao alcalde de Redondela Javier Bas.

O BNG satisfeito co cambio de actitude de Javier Bas.

En declaracións do concelleiro nacionalista, Xoán Carlos González “malia que tardara máis dun ano en solicitar un encontro co deputado de vías e obras, valoramos positivamente a xuntanza da semana pasada”

O encontro mantido entre distintos membros do goberno municipal de redondela, encabezada polo alcalde Javier Bas, e o deputado de vías e obras, o nacionalista, Uxío Benítez, foi acollida con satisfacción dende o BNG de Redondela. “Trátase da maneira axeitada de traballar a prol dos intereses dos veciños e veciñas”, afirma Xoán Carlos González.

Malia todo recrimínalle ao alcalde redondelá, “que tarda máis dun ano en solicitar dito encontro, sendo un dos últimos rexedores que o demandou”. Recorda como o goberno municipal de Redondela, presentou durante meses “numerosas mocións que pretendían dilapidar calquera tipo de iniciativa prantexada dende a Deputación, especialmente na área de vías e obras”. Considera que ao alcalde de Redondela, “unicamente actuou en aras de intereses partidistas, e nunca dos intereses dos e das redondelás”.

Amósase satisfeito o concelleiro do BNG, de que dende a Deputación se respostara á “solicitude deste encontro, dando un claro exemplo do cambio radical que se imprimiu na institución provincial abandonando o sectarismo e desquite ao que nos tiña acostumado o PP”.

Igualmente, o concelleiro nacionalista, considera moi positiva a petición de rematar as obras da PO 2906, Guizán-Os Valos, tal como tiña solicitado anteriormente a propia AA.VV. De Vilar, nun encontro mantido co propio Uxío Benítez. “Recordamos que coa Deputación presidida por Louzán, orzamentouse un millón de euros para rematar a obra. Namentres se desviaron parte dos fondos, e quedou inconclusa, o alcalde de Redondela mirou para outro lado”, afirma o concelleiro nacionalista.

Considera moi positivo o cambio de actitude do alcalde de Redondela, Javier Bas, para poñer os intereses dos veciños e veciñas por riba dos intereses partidistas. Aposta por un diálogo permanente coa Deputación, defendendo cada quen as súas competencias mais tamén o debido respecto institucional. Finalmente recorda Xoán Carlos González, “que o BNG aposta por baleirar de competencias a Deputación, mais o primeiro é superar a política clientelar imposta no pasado por Rafael Louzán”.

Ler novas
UNKNOWN

Xoán Carlos González, en contra da convocatoria do Pleno da adxudicación da limpeza de edificios municipais.

O concelleiro do BNG, denunciou que a convocatoria pola premura, e por realizarse ás dúas da tarde, impediu a participación veciñal. Apostou por unha convocatoria ordinaria, tal como recolle o regulamento orgánico do concello.

Un dos puntos que recollía a convocatoria plenaria do mércores 9 de novembro, era á da ratificación da urxencia do Pleno. Xoán Carlos González, converteuse no único concelleiro dos alí presentes, que votou en contra do formato de convocatoria. Argumentou que pola envergadura do contrato, algo máis de catro millón de euros, e pola trascendencia do mesmo, debería realizarse un Pleno ordinario e ás oito da tarde.

Aludiu, na súa intervención, ao artigo número 17 do ROC, que recolle que no mesmo mes pódense prantexar máis dun pleno ordinario. “Deste xeito permitiríase a asistencia de veciños e veciñas, a unha hora máis aceptábel”.

“Trátase dun novo exemplo da nocturnidade e alevosía coa que actúa este goberno municipal. Aprobaron os soldos dos concelleiros e concelleiras, nun pleno á unha da tarde no mes de xullo do 2015; aprobaron os orzamentos do 2016, ás dez da noite, en xunta de goberno o 30 de decembro do ano 2015. Agora amosan a súa falla de transparencia, convocando este pleno ás dúas da tarde, de xeito urxente e extraordinario”, afirma o concelleiro nacionalista.

No posterior debate sobre a aprobación do contrato, o concelleiro do BNG, aludíu que a “xestión directa dende o goberno municipal, facilitaría unha xestión máis transparente, na que se consolidarían os postos de traballo, e que mesmo persoas con discapacidade puideran acceder ao traballo neste servizo”.

Ler novas
UNKNOWN

Xoán Carlos González solicita maior información sobre a problemática do IES Mendiño.

Na mañá de hoxe, o concelleiro do BNG presentou por rexistro unha xeira de  preguntas dirixidas ao goberno municipal de Redondela.

Cuestións como "dende cando é coñecedor o equipo de goberno municipal desta problemática?; Cal, ou cales, foron as medidas tomadas polo goberno municipal de Redondela para subsanar ditas deficiencias? Ténse dirixido este goberno municipal á Consellaría de Ensino para mediar no conflicto? É coñecedor o goberno municipal, dunha problemática similar nos outros institutos do termo municipal de Redondela?", son algunha das cuestións prantexadas.

De igual xeito solicita, o concelleiro nacionalista, copia do convenio asinado entre o IES Mendiño e o goberno municipal de Redondela, para a limpeza e mantemento do pavillón deste instituto.

"O actual é o reflexo dunha problemática que xa se ben arrastrando nos últimos anos. Cónstanos que existe unha vontade de apoiar o deporte local por parte da dirección do centro, mais dende o goberno municipal todo teñen sido retrasos e peros", afirma Xoán Carlos González.

Ler novas
UNKNOWN
Un dos planos do proxecto.

Xoán Carlos González afirma que o goberno municipal oculta proxectos aos Consellos Parroquiais.

Refírese en concreto á recuperación do río Alvedosa en Reboreda, que non se levou a este órgano participativo.

Nas últimas semanas estanse celebrando diversos consellos parroquiais, tal como marca a normativa das convocatorias trimestrais. Para o concelleiro, “evidénciase novamente a falla de interese nestes órganos co fin de que se debatan diferentes actuacións de calado nas parroquias”

Refírese en concreto o concelleiro nacionalista á ocultación dun Proxecto de recuperación das marxes do río Alvedosa na parroquia de Reboreda. “O máis lóxico tería sido que se presentara no Consello Parroquial, para que os diferentes colectivos valoraran a actuación, manifestando a súa opinión”, apunta. O concelleiro do BNG refírese á construción dunha senda peonil, cunha inversión de 60.000 euros, e uns 200 metros de lonxitude. Inclúese a construción de muro na beira do río, pechamento con vallas, pavimento con lousa de granito, varandas de aceiro inoxidábel, e mesmo unha rampa para accesibilidade de persoas con mobilidade reducida.

“Tras a negativa xestión da senda polo río Maceiras, no que a obra se realizou sobre o mesmo río, empregando incluso refugallos, temémonos o peor. Pretender que o goberno de Redondela, leve a cabo unha actuación que supostamente será de recuperación medioambiental, segue sendo unha temeridade”, considera o concelleiro do BNG.

Para Xoán Carlos González, tal como ten sucedido noutras ocasións, “o goberno de Javier Bas pontea aos órganos participativos, para presentar proxectos estrela, cun único afán propagandístico”.

Ler novas
UNKNOWN
CAM04431

O BNG de Redondela esixe a limpeza dos entullos do entorno do Río Pexegueiro

Xoán Carlos González Campo, con D.I. , veciño de Redondela, e con enderezo, a efectos de notificación en Praza da Constitución,1 C.P. 36800

EXPOÑO: Con motivo da realización da derradeira fase das obras de diversas infraestructuras deportivas a carón do Paseo do río Pexegueiro, a empresa responsábel de construír as Pistas de Pádel, botou restos de refugallo, cascallos de obra a carón das pistas de tenis. Dado que este espazo de esparcemento e lecer, mais tamén de recuperación dos últimos restos da Marisma de Redondela, ademáis de tratarse de material que debe ser tratado mediante os mecanismos e procedementos axeitados.

SOLICITO que o alcalde de Redondela exixa á empresa constructora das pistas de pádel, para que retire este vertedoiro ilegal no Paseo do Pexegueiro, procedendo ao tratamento axeitado do refugallo alí verquido.

Asdo.  Xoán Carlos González

Redondela, 12 de setembro de 2016

 

Resposta do Concello de Redondela:

Expediente nº: 4661/2016 Destinatario: Grupo municipal do BNG Procedimiento: SOLICITUDES DE INFORMACIÓN GRUPOS MUNICIPAIS En relación coa súa solicitude de data 13768 de data 13/09/2016 segundo a que “solicita que o alcalde de Redondela esixa á empresa construtora das pistas de pádel que retire este vertedoiro ilegal no Paseo do Peixegueiro, procedendo ao tratamento axeitado do refugallo alí vertido” Informado este departamento pola Secretaría xeral do Concello de que as referidas obras están sendo realizadas pola Deputación provincial de Pontevedra, no marco das obrigas contraídas coa sinatura o 28/11/2014 do Convenio para o proxecto “Fase III do Complexo Polideportivo Santa Mariña. Redondela”, rexistrado co número 164 (expte. 838/2016 de Gestiona) que na súa base Terceira di: “A Deputación provincial de Pontevedra procederá polo medio de contratación mais adecuado o encargo que comprende as obras relativas á instalación de pistas de pádel abertas, vestiarios, instalacións complementarias e zona de aparcamento do complexo deportivo Sta. Mariña.” En data 16/09/2016 este departamento contacta co director da obra, que realiza unha vista de control o día 19/09/2016 a partir da que se adoptan as medidas precisas para a total limpeza da zona e o procedente tratamento residual do vertido. (documento datado e asinado electronicamente na marxe) 

Ler novas
UNKNOWN
IMG_20161003_180551

Xoán Carlos González, “a baixada da plusvalía en Redondela, obedece a unha verdadeira necesidade social”.

A proposta común de todos os grupos da oposición de baixada da plusvalía, aprobada polo Pleno da Corporación de Redondela, foi valorada positivamente dende a organización nacionalista. O concelleiro, Xoán Carlos González, considera que “dáse resposta a unha demanda social, posto que o noso concello atopábase entre os máis elevados, no abono da plusvalía”.

Aplicando este imposto municipal, as arcas do Concello recibían máis de 500.000 euros anuais. “Deste xeito, o goberno de Javier Bas podía fachendear dunha boa xestión, grazas a uns ingresos desorbitados cargándoos sobre os veciños e veciñas”, apunta.

“Coa proposta aprobada cos votos a favor de PSOE, AER, BNG e concelleira non adscrita, e os votos en contra do PP, rebáixase á metade o tipo coa que se gravaba a compravenda de vivendas e fincas urbanizables” salienta o concelleiro nacionalista.

Destaca igualmente Xoán Carlos González o feito de que se aprobara a bonificación do 95% nas doazóns, entre as que se atopan as herdanzas. “Tratábase dun dos casos máis graves, por afrontar moitas persoas desembolsos de miles de euros, convertendo estas transmisións nunha lousa económica, máis que nun beneficio”. Coa aprobación da modificación da plusvalía  vaise aliviar a carga impositiva respostando a unha demanda social, máxime tendo en conta a complexa situación económica pola que atravesan moitas familias.

Critica á súa vez á concelleira de urbanismo, Mari Carmen Amoedo, por pretender confundir á veciñanza. “Quen realmente fixo barra libre, foi o goberno do Partido Popular, ao eliminar o imposto de transmisións patrimoniais no caso das transmisións rústicas”.

Recorda o concelleiro nacionalista como “dende o ano 2011, o goberno municipal chegou a cobrar este imposto con efeito retroactivo de ata catro anos, co que moitos veciños e veciñas tiveron que facer fronte a cantidades desmesuradas por este conceito”. Eis baseábase a boa xestión do goberno municipal.

Xoán Carlos González remata na súa nota salientando “que atopámonos ante un claro exemplo de incapacidade de gobernar Redondela, por falta de proxecto, e incapacidade de xestionar, por facelo baseándose neste imposto”.

Ler novas