bng-redondela
UNKNOWN

O BNG, consegue a reprobación de Javier Bas.

Xoán Carlos González: “Consideramos un éxito o apoio á nosa iniciativa expresando o rexeitamento veciñal, ante a actitude do alcalde de Redondela na constitución da Área Metropolitana de Vigo”.

A primeira moción debatida no ano 2017 consistíu no debate da moción presentada polo Grupo Municipal nacionalista,no mes de decembro. Malia que o BNG de Redondela, non está representado na Asemblea Metropolitana, foi quen de propor un texto que censuraba a actitude partidista do primeiro edil redondelán.

Nin PSOE, anulado  pola preponderancia do alcalde de Vigo, nin AER, quen sempre se manifestou en contra da Área Metropolitana, asumiron o papel que si ostentou Xoán Carlos González. O punto único, recollido no texto orixinal, recollía “A reprobación do alcalde-presidente do Concello de Redondela, ao abandoar a Asemblea Constituínte da Área Metropolitana, en contra dos intereses dos e das redondeláns”.

Pola súa banda, a Agrupación de Eleitores, propuxo introducir un segundo punto, sobre a non participación do alcalde de Redondela, na Xunta de Goberno Metropolitana.

Defendeu o voceiro nacionalista, tanto a funcionalidade como os obxectivos perseguidos na construcción do Ente Metropolitano. Segundo as súas declaracións “trátase dunha administración pola que o BNG sempre traballou en aras a acadar o tan ansiado consenso, cara a acadar unha mellor xestión nos servizos, evitando dupricidades”.

Na súa exposición, recordou os feitos acaecidos o 1 de decembro, na constitución da Asemblea Metropolitana, da que participaron oitos grupos políticos, 14 alcaldes e alcadesas, e 53 concelleir@s. “O PP, co alcalde de Redondela Javier Bas, ao frente, escenificaron o obstruccionismo, que seguindo directrices da súa dirección en Compostela lles marcaron. Actou de costas aos intereses dos e das redondeláns, actuando únicamente por intereses partidistas”, afirma o concelleiro do BNG.

Recriminou a actitude do alcalde-presidente do Concello de Redondela, pois malia que se presentou encabezando a candidatura dos populares, “como alcalde, debería ter actuado doutro xeito, apoiando a posta de marcha da Área Metropolitana de Vigo”. Acusounos de ter mentido á xunta de voceir@s municipais, e principalmente aos veciños e veciñas de Redondela.

O concelleiro nacionalista, tivo contra as cordas a Javier Bas, a emprazalo a propoñer a saída de Redondela de dita Área. Pola súa banda, o insulto contínuo e constante por parte da voceira do Partido Popular, Mari Carmen Amoedo, foi a única resposta.

Non lle estranou a Xoán Carlos González, a estratexia da voceira conservadora. Afirmou que “o Partido Popular de Redondela, caracterízase polo seu fundamentalismo, actuando de xeito belixerante en todas aquelas instucións ou entes que non controla, nomeadamente a Deputación e agora a Área Metropolitana”.

“Están vostedes metidos nun lío, espetoulles o voceiro nacionalista, e non saben saír del. Tal é así que nin sequera foron quen de presentar a moción que sobre o transporte metropolitano, levou a diversos Plenos da Área de Vigo”.

Finalmente referíuse Xoán Carlos González, a que coa actitude de Javier Bas, e os caprichos de Abel Caballero “estse a poñer en risco o servizo que presta Vitrasa nas parroquias de Chapela, Trasmañó, Vilar, Cabeiro e Negros”.

Todos os grupos da oposición presentes no Pleno, AER e PSOE, apoiaron a proposta do BNG, co que se acadou que un dos alcaldes populares que abandoaron a Asemblea Constituínte da Área Metropolitana, fora reprobado en sesión plenaria.

Ler novas
UNKNOWN
Plano do proxecto de ampliación do aparcadoiro do supermemrcado Vego.

O BNG demanda que se informe sobre a construcción dun novo aparcadoiro en Reboreda.

No Boletín Oficial da Provincia, publicouse anuncio de Augas de Galiza, sobre solicitude de construción de aparcadoiro do supermercado situado na parroquia de Reboreda. Ábrese proceso de exposición pública para que se poida estudar, e mesmo se presenten alegacións ao mesmo.

A traveso do seu concelleiro, Xoán Carlos González, o BNG estudou o expediente, que recolle a construción dun aparcadoiro, nunha parcela colindante ao propio supermercado. Na actuación prevista, sobre unha superficie de arredor de 2.200 m2, preténdese ubicar unhas 70 prazas de aparcadoiro.

Segundo o concelleiro do BNG “un dos problemas que se prantexa, reside na cercanía desta actuación ao río Alvedosa, a menos de 50 m. O proxecto leva aparellado un balado duns 6m. de altura, co que o seu impacto, visual nun entorno recuperado para a veciñanza, vai ser de relevancia”.

Outra das circunstancias que se pretende que aclaren segundo manifesta Xoán Carlos González, consiste “nunha posíbel construción dun vial co que o impacto no entorno, vai ter maior repercusión”, afirma.

Critica o concelleiro nacionalista que “por segunda vez en poucas semanas, o primeiro fora a ampliación da senda polo río Alvedosa, unha actuación de envergadura que afecta a Reboreda é silenciada polo goberno de Javier Bas, co que nada de transparenza; opacidade e silenciamento”.

Exiximos que o Concello manteña puntualmente informados aos diferentes colectivos parroquiais sobre este Proxecto de Aparcadoiro, ben remitíndolles o propio Proxecto, ou unha convocatoria extraordinaria do Consello Parroquial”. Considera que o goberno de Javier Bas pretende converter os Consellos Parroquiais en meros instrumentos informativos, “dende o BNG pretendemos recuperar o protagonismo das entidades sociais parroquiais, coñecendo a súa valoración e opinión en actuacións de calado, como esta que se propón para Reboreda”, remata na súa nota o concelleiro nacionalista.

Ler novas
UNKNOWN
Veciñas de Redondela e Cesantes xunto a Montse Prado e parte do CL do BNG de Redondela.

Centro de Día de Cesantes; por dignidade.

Por dignidade, Javier Bas e Jose Manuel Rey Varela, conselleiro de Política Social, deberían ter elexido outro entorno para asinar o convenio de colaboración para a xestión deste equipamento, ao non ser nunca unha prioridade nos seus respectivos gobernos. Durante máis de catro anos o alcalde de Redondela interino, calou, mirou para outro lado, actuou submisamente, preferiu apostar por outros equipamentos máis rendíbeis electoralmente.

Por dignidade, a concelleira de servizos sociais, Mari Carmen Amoedo debería manterse igual de calada, que todo o ano e medio de xestión da área de servizos sociais nos que nunca reclamou a apertura do Centro de Día.

Por dignidade, resulta intolerábel que se faga unha campaña de lucimento persoal, daqueles que nunca se interesaron por este servizo para os nosos veciños e veciñas.

Por dignidade, AER debería manterse calado. Por segunda vez rexeitaron a apertura dun Centro de Día. A primeira, cando lle deron 500.000€ do de Trasmañó para un Pavillón, a segunda na actualidade.

Por dignidade, esta forza política debería respectar as decisións de quen si estivo traballando para que a apertura do Centro de Día fora unha realidade. Durante catro anos AER non presentou ningunha moción que se referira a este asunto, non apoio ningún tipo de convocatoria, máis ben todo o contrario, non mobilizou á súa base social para presionar. Nin tan sequera nas negociacións co PP, para que Javier Bas acabara sendo alcalde, puxeron o tema enriba da mesa.

Por dignidade, deberían calar aqueles que confunden á opinión pública sobre un modelo de xestión, dun centro da Xunta e manténdose morno nas críticas cando pola ausencia de tres concelleir@s da oposición, non se puido resgatar a limpeza de edificios públicos.

Por dignidade, o Bloque Nacionalista Galego apoiou a apertura do Centro de Día de Cesantes, en canto houbo a menor oportunidade.

Por dignidade, traballamos estes anos para que corenta veciños e veciñas das economías máis febles tanto de Redondela como da nosa bisbarra, que non poden asumir o custe dun centro privado, se convertan en usuari@s dun equipamento de primeira orde social.

Por dignidade, o BNG apostou dende hai anos para que este equipamento se convertera nunha realidade en Redondela. A construción do Centro de Día, obedecía a unha “clara demanda social”.

Por dignidade, mobilizámonos ao longo destes últimos catro anos para que se puxera en marcha o Centro de Día. A militancia, e os parlamentari@s galegos, realizamos diversas concentracións, presentamos diferentes iniciativas no Parlamento Galego.

Por dignidade, o BNG presentou unha alegación aos orzamentos da Xunta, para que se dotara con outros 300.000€ para completar as 40 prazas en réxime ambulatorio, e as 20 do Fogar Residencial.

Por dignidade, dende o BNG seguimos traballando para que os servizos sociais sexan un dereito e non unha concesión dos gobernos de Feijóo ou Javier Bas.

 

Ler novas
UNKNOWN
Aemblea Constituinte antes de ser abandonada por Javier Bas e os representantes populares.

O BNG de Redondela esixe a reprobación do alcalde de Redondela, pola súa actitude na Asemblea Constituínte da Área Metropolitana de Vigo.

Con data 23 de abril de 2012, publicábase no Diario Oficial de Galicia a Lei 4/2012, de 12 de abril, da Área Metropolitana de Vigo, aprobada polo Parlamento de Galicia, cos únicos votos a favor do Partido Popular. A nefasta xestión levada por parte do Goberno Galego, coa que se levou a cabo a posta en marcha desta Lei, supuxo unha parálise ata pasadas as eleicións municipais do ano 2015, no que se volveu a retomar o traballo para unha mellora do texto.

A Área Metropolitana de Vigo, conformouse cos concellos máis direitamente vinculados a esta urbe, na que conviven arredor de 500.000 habitantes. Inicialmente os concellos de Fornelos de Montes, Pazos de Borbén, Soutomaior, Mos, O Porriño, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño,  Gondomar, Nigrán, Baiona,  Cangas, Moaña, Vigo e Redondela pasaron a formar parte desta Área, na que o noso concello, como o segundo máis poboado, adquire un especial protagonismo.

As competenzas que a Lei recolle refírense ás áreas de promoción económica e emprego; 

servizos sociais; turismo; promoción cultural; medio ambente;  prevención e extinción de incendios; protección civil e salvamento; ordenación territorial e planificación urbanística;

O 12 de xullo de 2016 apróbase definitivamente no Parlamento Galego, o novo texto consensuado cos 14 alcaldes e alcaldesas da Área. O texto publicouse no DOG  o día 1 de agosto de 2016. Foi nas áreas de gobernanza e nas funcións competenciais, onde o novo texto, sufríu maiores modificacións. En canto ao primeiro, a emisión do voto ponderado na xunta de goberno metropolitano xunto á representatividade das vicepresidencias, serían os aspectos máis destacados. Refórmase igualmente a presidencia da comisión de ordeación do territorio e urbanismo.

No novo texto do ano 2016, recóllese a posibilidade da entrada de novos concellos, e a flexibilidade dos que a conforman para abandoala. En canto ao financiamento da Área, establécese que será vía aportacións dos concellos, e cesións tanto da Deputación, como da propia Xunta. Igualmente contémplase a integración e coordinación do transporte urbano e interurbano, no transporte metropolitano.

Con data 12 de abril de 2016, en sesión plenaria extraordinaria do Concello de Redondela debátese e apróbase por maioría, as Modificacións do Texto de Lei da Área Metropolitana de Vigo.

Na sesión plenaria do 8 de setembro de 2016, nomeouse @s representantes do Concello de Redondela, a quen lle corresponde segundo a propia Lei da Área Metropolitana en función da poboación ( entre 20.001 e 50.000 habitantes), o alcalde do concello como membro nato, máis 3 concelleir@s. No caso de Redondela, 1 do PP, 1 do PSOE, 1 de AER, segundo os resultados eleitorais das eleicións municipais do ano 2015.

Con data 1 de decembro de 2016, constituíuse a Asemblea da Área Metropolitana de Vigo, coa presenza de 14 alcaldes e alcaldesas, e un total de 53 concelleir@s de diferentes forzas políticas (PSOE, PP, BNG, Mareas, AER, Movemento Salceda, Alternativa Canguesa de Esquerdas, Gañemos).

Nesta sesión constitutiva, o total de representantes do Partido Popular, co alcalde de Redondela, Javier Bas, ao frente decidiron abandoar o Plenario. Como rexedor do noso concello, argumentou que se o transporte urbano de Vigo, non entraba de inmediato no transporte metropolitano, a Área non tiña sentido.

Nas xornadas seguintes, todo foron descalificacións por parte de membros do Partido Popular, tanto local como nacional, co vicepresidente Alfonso Rueda, cualificando de “chiringuito” a Área Metropolitana.

A decisión adoptada polo alcalde de Redondela, Javier Bas, vai en contra das encomendas que como rexedor, lle outorgaron os e as redondeláns. No canto de defender os intereses coleitivos, plegouse aos intereses da súa organización política; o Partido Popular.

Para o Bloque Nacionalista Galego, a constitución e conformación da Área Metropolitana, converteuse nun dos principais obxectivos políticos das últimas décadas, co obxecto de permitir unha mellor xestión de recursos, unha mellora na atención ás necesidades e demandas cidadás, xunto a unha cesión de competenzas por parte dos concellos, Deputación e Xunta, evitando as dupricidades administrativas. O diálogo e o debate entre as partes implicadas, deberon ser, para esta organización a base de calquera principio de acordo.

Por todo o exposto, o Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego solicita por parte do Pleno da Corporación Municipal do Concello de Redondela, a adopción do seguinte ACORDO

1. A reprobación do alcalde-presidente do Concello de Redondela, ao abandoar a Asemblea Constituínte da Área Metropolitana, en contra dos intereses dos e das redondeláns.

Asdo. Xoán Carlos González

 

Redondela 23 de decembro de 2016

Ler novas
UNKNOWN
image-enHF-1000x_

O goberno de Javier Bas, “botado ao monte”.

Nas últimas semanas o Partido Popular de Redondela, sacouse a careta, e deixou ver a súa verdadeira faciana. Nada de velar polos intereses dos e das redondeláns. Nada de poñer o debate e o diálogo enriba da mesa, como instrumento para a posta en común e a mellora das condicións para veciños e veciñas. Nada de permitir debates e diálogos “participativos”.

No 25 de novembro, data destacada no calendario anual en contra da violencia de xénero, no canto de participar nos actos reivindicativos ante as portas do Concello, a concelleira de servizos sociais e urbanismo, Mari Carmen Amoedo, acompañado do concelleiro de deportes, Julio Alonso formaron parte da comitiva que o PP despregou na sé da Deputación de Pontevedra. Tratouse dun acto partidista para presionar ao goberno provincial, unicamente para beneficio dos seus gobernos. Existen, pois, outras prioridades para membros do goberno municipal: primeiro o partido, despois o servizo público.

O día 1 de decembro, debe ser remarcado na historia do Partido Popular de Redondela. Amosando un servilismo de difícil parangón, escenificaron na Asemblea Constituínte da Área Metropolitana o seu interese por instrumentalizar este ente, novamente en beneficio partidista.

Javier Bas, converteuse no “cabecilla” do abandono por parte dos representantes do Partido Popular desta Asemblea Constituínte. O alcalde de Redondela comprometérase en xunta de voceir@s en participar da Asemblea, e defender os intereses do noso concello. Amosando a súa faciana máis servil, humillou publicamente o cargo que representa. Volveu a prevalecer o interese por medrar dentro do partido, sobre os intereses colectivos.

Ese mesmo día, celebrouse o Pleno da Corporación. Ás once e cuarto da noite, tocaba o debate da moción presentada polo BNG sobre o catastrazo, e a demanda de formar a persoal do concello para asesorar á veciñanza. Dun xeito totalmente caprichoso, e autoritario, o alcalde de Redondela decidiu que non se ía debater.

Amosou, unha vez máis, que non lle vai permitir ao BNG expresar as demandas veciñais, máis que o legalmente exixíbel. Nada de diálogo, nin participación aberta. Ata agora, todo isto ten sido empregado para escenificar unha versión democrática, unicamente polo interese de gobernar.

O Bloque Nacionalista Galego, converteuse no verdadeiro inimigo e opositor do goberno de Javier Bas, quen vai poñer todos os medios ao seu alcance para tentar acalar á nosa organización.

Pola súa banda o concelleiro nacionalista, Xoán Carlos González afirmou que “non imos asistir ás xuntas de voceiros, que non sexan estritamente necesarias. Deixaremos de participar quincenalmente a unhas xuntanzas que a maior parte das veces non levan a ningún lado. Non lle imos facer o xogo ao goberno, querendo aparentar normalidade democrática, e en canto pode aplicar o rodo”.

Ler novas
UNKNOWN
IMG-20161209-WA0007

O BNG solicita un Plan de Limpeza do Casco Vello de Redondela.

“Preténdese evitar esvaramentos en rúas, calellas e escaleiras empedradas marcadas polo seu desnivel, por onde transita diariamente numerosos veciños e veciñas”.

Nun escrito presentado ao alcalde de Redondela, o concelleiro nacionalista, Xoán Carlos González demanda un Plan de Limpeza para “unha parte importante do Casco Vello da Vila”. Preténdese evitar posíbeis esvaramentos de peóns, en rúas, calellas e escaleiras empedradas cun desnivel pronunciado.

No seu argumentario o concelleiro nacionalista, recorda como grande parte de  Redondela, medrou arredor da súa zoa máis elevada. Os desniveis ata a parte máis baixa da Vila, solucionáronse coa construción de rúas, calellas, escaleiras en pedra. “O inverno é propicio para que aumente o risco de esvaramentos, pois ao aumentar o volume de moitos edificios, as zoas sombrías predominan durante esta época do ano”.

Recorda Xoán Carlos González que estas rúas, calellas e escaleiras, son transitadas a diario por numerosos veciños e veciñas, que se desprazan dende a parte alta ata a máis baixa de Redondela para realizar diversas actividades da súa vida diaria. “Moitas delas, son persoas maiores, que teñen que pasar en ocasións por zoas esvaradías. Pretendemos que se eviten situacións potencialmente perigosas”, sinala.

Para o BNG este Plan de Limpeza do Casco Vello, debería realizarse preferentemente con maquinaria a presión. “Deixamos en mans dos técnicos municipais a posíbel solución, para que se realice un plan axeitado, co fin de evitar actuacións agresivas sobre o patrimonio, como ten sucedido noutras ocasións”.

Para Xoán Carlos González este Plan de Limpeza do Casco Vello debería incluír dende o entorno da rúa Alfonso XII, rúa Ribeira, Praza da Constitución, cara á parte alta da Vila: rúa Prata, Esfarrapada, zoa de Eidos, entorno da Igrexa. Recorda que no canto de cumprir as súas responsabilidades, o goberno de Javier Bas agarda a que lle recorden dende a oposición as súas obrigas para mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas de Redondela.

Ler novas
UNKNOWN
2015080408521546745

Xoán Carlos González valora positivamente o cambio de parecer de AER e PSOE, na taxa reducida do lixo.

O apoio ás alegacións presentadas por varios veciños, permite manter a taxa reducida para aqueles que se deben desprazar máis de cen metros.

Novamente o dereito dos veciños e veciñas a que se lles aplique a taxa reducida , por ter que desprazarse máis de cen metros dende a súa vivenda ata o contedor máis próximo, foi levada a Pleno. Debateuse a proposta de rexeitar as alegacións, cuestión á que o BNG sempre se opuxo.

As alegacións presentadas, respostaban á aprobación inicial plenaria, do mes de xullo. Daquela, os votos a favor de PP, as abstencións do PSOE e AER,  co único voto en contra do BNG, permitían a eliminación inicial desta taxa reducida de 36,5€ para quen se recolle diariamente o lixo, máis carece dun contenedor preto da súa casa.

Segundo o concelleiro nacionalista, Xoán Carlos González, “en todo momento expresamos o noso rexeitamento a que se eliminara este dereito veciñal. Consideramos que se debe manter unha redución, mais o interese recadatorio do goberno de Javier Bas, pretendía eliminalo”.

Grazas á presentación de oito alegacións, volveu a debaterse a cuestión. Na xuntanza da Comisión de Facenda, repetiuse a votación: PP a favor, AER e PSOE abstencións, e BNG en contra.

Para o goberno de Javier Bas, a taxa “non ten sentido”, pois a recollida diaria chega a todas as vivendas da denominada Zoa A. “Os nosos argumentos seguen a ser os mesmos, afirma Xoán Carlos González. A decisión de modificación da ordenanza é unha resposta, a unha sentenza que lle daba a razón aos veciños e veciñas. Aínda hai xente que ten que camiñar máis de 100m. para botar o lixo. Claro que queren contribuír economicamente á recollida do lixo, mais se non é nas mesmas condicións, deben facer uso dunha redución da taxa, que nós apoiamos”.

Xoán Carlos González, valora moi positivamente que houbera un cambio de criterio, por parte das forzas que noutro momento se abstiveron. “Consideramos que ante unha inxustiza deste tipo, o importante era manter unha postura a favor da veciñanza.

 

Ler novas
UNKNOWN

O goberno municipal de Redondela, segue sen explicar os cortes no alumeado.

Xoán Carlos González: “As explicacións dadas vía medios de comunicación, non respostan á preocupación veciñal”

O BNG ten solicitado en numerosas ocasións explicacións sobre a falla periódica de subministro no alumeado público no concello de Redondela. Por medio do concelleiro nacionalista, Xoán Carlos González, presentáronse escritos pedindo explicacións sobre esta problemática. “Unha problemática que afecta directamente á seguridade viaria, principalmente a peóns. Nunca nos deron ningún tipo de resposta”.

A última destas situacións, viviuse na parroquia de Chapela, onde en menos dunha semana, sufríronse dous curtes, nunha zoa tan transitada como a Avenida de Vigo. “Finalmente, por medio da concelleira de Vías e Obras, o goberno municipal deu unha resposta peregrina, unicamente a traveso dos medios de comunicación; mais sen aclarar realmente cales son os motivos”, considera o concelleiro do BNG. “que de cada un dos cortes, existirá algún tipo de informe dos traballadores municipais. En ditos informes recolleranse as incidencias, e ante a repetición das mesmas, posíbeis solucións ou alternativas”.

Denunciamos que a falla de subministro no alumeado público tense mantido, en ocasións, ao longo de toda unha fin de semana. “Parécenos lóxico que se se pagan horas extras para  cuestións menores a empregados municipais, tamén se faga cos electricistas para solventar algo que aparentemente é sinxelo”, considera Xoán Carlos González. “Novamente falla vontade, e interese por parte do goberno de Javier Bas”.

En canto ás denuncias feitas pola concelleira, “non son máis que unha nova cortina de fume. En todo caso o que non había durante o bipartito, eran concelleiros paseando con coches do concello como a propia Maria José Barciela”.

Ler novas
UNKNOWN
CAM04680

O goberno redondelán promociona os refugallos.

Durante anos, o goberno do Partido Popular, construíron en Mañó, un vertedoiro ilegal con todo tipo de restos de obras, tubaxes, produtos contaminantes, aterros. Entornos como os dos ríos Pexegueiro e Maceiras, sofren a deixadez municipal.

“Non se pode eliminar o que se está a potenciar”. Deste xeito tan claro e conciso denunciamos a pasividade coa que actúa o goberno de Javier Bas, no control de verquidos  e refugallos. Consideramos no BNG que non existe unha verdadeira política medioambiental neste eido, “por que non entra dentro das súas prioridades de actuación”.

Denunciamos como o goberno municipal foi quen primeiro iniciou a “política de botar os refugallos, onde ninguén os vexa, sen ningún tipo de tratamento”. Facemos fincapé en como durante anos converteron os terreos municipais a carón do cemiterio de Mañó, “nun auténtico vertedoiro ilegal, actuando impunemente, sen ningún tipo de respecto medioambiental”.

A situación agravouse ao recuperar algúns camiños veciñais con restos de obras, ás que posteriormente se lles votaba unha capa de xabre, cemento, ou asfalto, cos que se agochaba o problema.

Nas últimas semanas “o fomento deste tipo de refugallos de obras, trasladouse a un espazo tan sensíbel como o entorno da Marisma, no río Pexegueiro”. Os restos de cemento, e asfalto levantado polas obras da Deputación na construción do complexo deportivo amontoáronse nesta zoa. O único que se fixo foi botar unha capa de terra por riba. “O goberno municipal de Redondela, no canto de forzar á recollida destes restos e ao seu tratamento, actuou con pasividade”.

Lembramos como as riadas do pasado inverno, tamén destaparon o uso de restos de obras e refugallos na senda do Maceiras.

Por todo isto consideramos dende o BNG que esta campaña unicamente se trata “dunha cortina de fume. O goberno de Javier Bas, é quen primeiro fomenta este tipo de verquidos incontrolados”.

Ler novas
UNKNOWN

Nova avaría alumeado público... Desta volta na avenida de Vigo en Chapela.

Por segunda ocasión en menos dunha semana, parte de Chapela viuse afectada por unha avaría no alumeado público. En concreto trátase da avenida de Vigo, unha das principais vías de comunicación da parroquia.

Tal como vén sendo costume, aproximadamente unha vez ao mes, prodúcese unha avaría nesta infraestrutura. Diversas zoas e parroquias do concello de Redondela, teñen sufrido a mesma situación, xa denunciada dende o BNG.

“Nesta ocasión, a cuestión complícase. Estamos a falar do segundo corte de alumeado nunha semana, en Chapela, nunha zoa de intenso tráfico rodado. Ademais, nesta época do ano na que as horas de luz natural redúcense a mínimos anuais, cómpre que a xente que camiña pola rúa, o faga con todas as garantías”, recorda Xoán Carlos González, concelleiro do BNG.

Por medio do seu concelleiro, a organización nacionalista ten presentado numerosos escritos dirixidos ao alcalde de Redondela, para que se dean as preceptivas explicacións. Ata agora, ningunha resposta, ningún comentario,... “Supoñemos que se trata dunha situación de gravidade, que pretenden silenciar. Unha mostra máis da incapacidade na xestión do goberno do PP”, afirma.

Responsabilizan  ao alcalde de Redondela, da falla de  resolución dunha problemática, que afecta  directamente á seguridade viaria tanto de peóns como de condutores. “Semella que isto non é un problema para o goberno de Javier Bas, polo que ignoran os requirimentos do BNG. Esiximos de inmediato a resolución das avarías no alumeado público de Redondela, en aras da seguridade viaria de condutores e peóns”

Ler novas