Xoán Carlos González, elixido candidato do BNG ás municipais do 2023
Apoio unánime da Asemblea Local para que o actual voceiro volva a levar ao nacionalismo ao goberno municipal.
24 xul. 2022 - 17:58
A organización nacionalista celebrou a súa Asemblea Local na tarde do pasado mércores, coa finalidade de elixir á persoa que ocuparía o primeiro lugar na candidatura ás eleccións municipais do vindeiro ano.
A proposta de que o actual voceiro municipal Xoán Carlos González Campo ocupe o primeiro lugar da lista nacionalista, contou co apoio unánime da asemblea. Nas diversas intervencións, destacouse a capacidade de traballo do edil nacionalista, a súa implicación na política municipal, xunto ao seu compromiso coas problemáticas dos e das redondelás.
A continuación celebrouse un acto no que se convidou a simpatizantes e persoas achegadas ao BNG para que foran as primeiras en saber quen encabezaría a candidatura nacionalista.
Na súa intervención ante a Asemblea Local o xa candidato, expresou o seu agradecemento á confianza e responsabilidade nel depositada polos compañeiros e compañeiras. Puxo en valor o traballo da súa compañeira de grupo a concelleira Jéssica García, que en pouco tempo converteuse en referente do nacionalismo e do feminismo en Redondela.
Referiuse aos discursos triunfalistas do Partido Popular xogándoo todo á carta dunha persoa que deixou tirada a Redondela no 2019, renunciando daquela á responsabilidade como líder da oposición, en clara alusión a Javier Bas. Outros nos mantivemos onde nos correspondía, negociando e realizando propostas construtivas que beneficiaran aos nosos veciños e veciñas.
Para o candidato nacionalista, os gobernos formados por dúas forzas políticas amosan a pluralidade da sociedade na que vivimos. Considera totalmente vixente este modelo, que debe marcarse unhas prioridades de acción, poñendo ao acento no equilibrio de forzas. Aspiramos a equipararnos ao Partido Socialista, para poder conformar un goberno en igualdade de condicións, actuando coordinadamente polo interese común.
Amosou Xoán Carlos González, a súa confianza en que o BNG vai participar do goberno municipal en Redondela a partires de maio do 2023. Situou a súa principal aspiración en aglutinar arredor da nosa candidatura o apoio daquelas persoas que acreditan en que actuamos en política co obxectivo de defender os intereses colectivos das redondelás e dos redondeláns.